Samuel Solleiro
Samuel Solleiro (Tui, 1982) é licenciado en Antropoloxía. Ten publicado os libros de relatos Elexías a deus e ao diaño (Xerais 2001) e dz ou o libro do esperma (Xerais 2006), ademais de textos dispersos. É colaborador do “Cartafol de libros” de Vieiros e socio fundador de Estaleiro Editora.
OBRAS
dz ou o libro do esperma
A intención argumental de dz ou o libro do esperma de Samuel Solleiro é a de problematizar e mesmo anular o concepto de masculinidade entendida sobre todo, pero non unicamente, a través do elemento sexual e paralelamente e en consecuencia, asasinar o propio suxeito (sexuado, canónico) construído pola modernidade occidental. Se ben as súas tramas son independentes, os relatos deste libro son chanzos nesta idea até o final, en que o suxeito e mutilado sexualmente e proponse un novo futuro cun novo suxeito: híbrido, travestido, vital, sensual e nostálxico. Desafiar a natureza é divertido e mesmo sexualmente excitante. Un entroido para sempre.
Elexías a Deus e ao Diaño
Conxunto de trece relatos de Samuel Solleiro (Tui, 1982), autor que ata o de agora só tiña publicado en revistas culturais como A Xanela ou Keltoi, ademais de en diferentes volumes colectivos. Nesta entrega recopílanse os relatos titulados "Abundio Domínguez, pescador de homes", "As caras da lúa", "Vida (e outros milagres)", "Dados que xogou Saturno", "Escaleira ao ceo", "A pipa de papá", "Oes, Adán", "Polos xardíns da carne", "Inclinado nas tardes", "A trompeta afiada do segundo anxo", "A última palabra", "A tumba dos loitadores" e "Variacións sobre un tema de choiva", todos eles caracterizados pola súa temática apóstata, nos que se fustiga contra todas as crenzas e tópicos da nosa sociedade, onde a relixión é a diana cara a que apuntan todos os dardos, especialmente en relatos coma os que abren e pechan a obra. Téntase ridiculizar todo o ridiculizábel, reducir a relixión a algo anecdótico e mesmo aspectos como a antropofaxia son tratados coa naturalidade e a indiferencia de calquera outro tema. Unha visión mordaz e chea de ironía da realidade que o rodea, facendo gala do seu ateísmo e anticlericalismo que entronca coa tradición de bufón e xograr vocacionalmente herexe, presente na tradición literaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario