NEREA VERGARA
Nerea Vergara é nada na parroquia de Santa Mª de Tebra o 31 de decembro de 1991.
Xa antes de ser quen de descifraren os códigos da lectura mostrouse grande amante de libros e historias, aprendendose de memoria os contos e relatándoseos en voz alta a si mesma. Do mesmo xeito, gusta de mirar as películas e memorizar o argumento ata hoxe en día.
Cecais para espantar os temores nocturnos das escuras noites de súa infancia, comeza a inventar as súas propias historias, tentando poñerlle unha correa a esa fera enrabechada que é a imaxinación sen domar.
Pero non é ata os oito anos que comeza a pór as historias en orde e a comezar a escribilas participando na creación dalgúns guións para o progama de radio escolar Ponte... nas ondas, no que xa participara como radiofonista, e escribindo para a revista escolar, Axexo. Sen embargo, será ao entrar no instituto cando se lanza a polas historias máis longas enchendo libretas que mercaba coa súa paga, e gastando os bolígrafos pilots azuis (os únicos capaces de ir á velocidade da súa mente)
É nese momento cando, tras comprobar que aínda así a súa velocidade de escritura é escasa comparada coa de invención, decide empezar a escribir as súas historias no ordenador, sen abandonar as súas pequenas publicacións na revista escolar, que pasa a ser a do instituto, Brétema.
De alí nacerán os “contiños” que sorprenden pola súa lonxitude, como Somos diferentes, a súa primeira historia escrita directamente no ordenador, que lle valerá unha mención de honor no concurso Premio Jordi Sierra i Fabra.
Apenas recén cumpridos os quince comeza a explorar novos campos que a alonxan da literatura xuvenil, a súa favorita para ler e escribir ata entón. Atrévese tamén coa poesía, xénero ata entón esquecido por ter a equivocada idea de que os versos deben rimar entre eles, e participará no concurso convocado polo Correlingua cun grupo de amigos e amigas. Será precisamente a poesía Agora toca resistir, ambientada na Guerra Civil, a que lle valerá o primeiro premio no I Certame Xela Arias, celebrado no IES A Sangriña.
Ten claro o seu futuro: este ano comeza a estudar Humanidades no IES de Tomiño, e desexa continuar a súa formación estudando en Santiago Filoloxía Hispánica, pensando na docencia. Como segundas posibilidades mantén psicoloxía e periodismo.
AGORA TOCA RESISTIR
A noite é fría
esta mañá…
Houbo un tempo morto,
alá, lonxe do noso…
Tan lonxe?
A noite é tan fría
esta mañá…
O sangue caeu sobre o río…
Ninguén soubo a quen pertencía…
Ata que visitaron a Curva da Moura.
Non quedaba ren,
non existían razóns…
Pero a noite segue a ser fría,
meu anxo…
Suponse que é unha mañá de verán.
Non houbo azos,
non houbo vento,
non houbo forza para retelos…
Caeu a alma,
caeu a esperanza
caeron as ganas de gañar,
caeu o sangue sobre o río,
e morreron mouros e mouras,
serpes e feitizos,
meigas e enmeigados…
Morreron as bolboretas,
morreu o ar e máis o zoar,
ninguén quedou para o espertar…
Esta noite a xeada estendeuse…
E so quedamos ti e máis eu
poderemos resistir?
No hay comentarios:
Publicar un comentario