FICHA DO LIBRO
Titulo. Spam
Autor. Francisco Castro
Ano de Publicación. 2006
Xénero. Narrativa
Editorial. Galaxia
Coleccion. Literaria
Número de pax. 130
ISBN. 978-84-8288-936-8
Spam
Premio Blanco Amor 2005 Unha novela que xoga con hipertexto de Internet e racha co discurso literario tradicional.
Observar a vida dos demais, penetrar nos seus pensamentos, mantelos baixo control, é a obsesión dun home que só é capaz de comunicarse a través do teclado e a pantalla do ordenador.
Spam introdúcenos na atmosfera claustrofóbica e atafegante de dous universos paralelos: o mundo laboral sometido á tiranía dun poder omnímodo e o universo aparentemente aberto de Internet, onde realidade e ficción se confunden. Crítica social e ruptura coa ortodoxia narrativa nunha novela na que a literatura toma partido.
crítica del libro SPAM
Vicente Araguas
Domingo 5 de novembro de 2006
Diario de Ferrol. Nordesía
SPAM Semellaba inevitable que o mundo da informática rematase por callar (xa non digo aparecer) na narrativa galega. E que o fixese con todas as da lei, arroupado por un premio como o Blanco Amor, que adoita dar con plenitude no albo. Desta volta confirmando a un autor, Francisco Castro, do que xa me teño ocupado nestas páxinas, como novelista e narrador breve, dos que andan a retratar a nosa realidade sociolóxica, sen outros filtros ou peneiras que aqueles dictados pola vontade de estilo deste escritor vigués, novo e aínda anovador nun panorama -o da nosa literatura- precisado de xente que saiba saír dos sota, cabalo e rei, temáticos e estilísticos.
Spam (Editorial Galaxia, Vigo,2006), o libro que levou o XXIV Blanco Amor, é novela forte e vigorosa, xa desde o seu arranque ben explícito que pode espaventar aos lectores bempensantes (se é que aínda os hai), con argumento cibernético e paródico, sobre como o mundo da rede atrapa a pimpíns ou pardillos, incapaces de ver con outros ollos que os que aportan este mar universal no que está todo: o bo, o regular e o malo.
Mais non se preocupen que a novela de Francisco Castro non vai de moralinas ou moralexas (aínda que teña unha moral ben clara, porque este autor, malia o humor acedo que se gasta, ou se cadra por iso, é dos que entran forte nas canelas do sistema).
Eis a importancia da parodia, na extensión de "nouvelle" que este libro ten, sobre un mundo regulado polas máquinas. Que no caso concreto da novela de Castro atopa referencia nidia nunha Empresa (así, con maiúsculas) con todos os elementos que cabería agardar nela.
Unha Empresa, en fin, onde -na súa estratexia de colmea con raíñas, obreiros e zánganos- hai quen se adica a distraer ao persoal, arrepiando de paso aos directivos, con mensaxes electrónicas contra destes e, como nas mellores historias de terror, desde "dentro".
Así as cousas, o que comeza como a mera expansión dun "currito" sentado diante dunha pantalla que lle aporta xoldra erótica, a man ocupada, lástima fora, irá subindo nun "crescendo" (eis a sabedoría narrativa de Castro, ao que lle sobra -non obstante- intromisións persoais que distancian unha mensaxe, en xeral, fresquiña adrede). Cousa, por outra banda, ben comprensible nun tema, o informático, no que a quentura é -obviamente- impensable e imposible.
A parte o carácter de parodia, xa se dixo, ou fábula que esta novela ten. E que nesa paulatina subida de tensión acadará un remate cheo de estrondo, con apoteose de "reality show" como doutra banda non podía por ser menos nun libro no que é un ollo de cíclope o que se agacha detrás da webcam.
Desta maneira Spam é unha novela "diferente" na narrativa galega actual, onde se agradece (como no caso) que a vontade de querer facer cousas novas vaia acompañada da calidade narradora. E do afán de que o lector o pase ben, enganchado (o que acontece con Spam) dunha novela moi coidada e, cousa nada rexeitable, divertida.
resumen del libro...
Spam, que así se coñece a obra gañadora do premio Blanco Amor de Novela Longa 2006, critica a organización empresarial actual e a súa relación cos traballadores. O libro de Francisco Castro Veloso pretende retratar un director de empresa que ten como "único pracer é estragar a vida dos servos da empresa e a súa única relación co mundo sucede a través da rede, cunha webcam e o correo electrónico", afirma o autor. A dita novela está editada por Galaxia e recibirá o premio este venres na Casa das Palmeiras de Neda ás oito do serán.
Segundo o xurado do premio, que este ano organizou o Concello de Neda, resaltou de Spam o feito de ser "un libro innovador, que rompe moldes e incorpora aspectos orixinais nunha narrativa, a nosa, cambiante e florecente". Tamén indicaron que se trata dunha novela "funcional e insólita, épica e distanciada con altas doses de humor e un ton irreverente e irónico". Ao certame presentáronse 26 obras, das que 6 quedaron finalistas. O xurado estivo composto por Laura Caveiro, Medos Romero, Ramón Nicolás, Armando Requeixo e Vicente Araguas.
Pola súa banda, o autor, asegura que Spam -nome que recibe o correo lixo- é un libro que dispara os seus dardos máis mortíferos contra a vida empresarial e, máis concretamente, contra os departamentos de recursos humanos, que el considera "unha nova forma de escravitude", xa que desenvolven "técnicas habilmente deseñadas para explotar mellor ao ser humano". Ademais, Francisco Castro xustifica o emprego da ironía na súa obra porque este recurso lle parece idóneo para facer "moita crítica" na literatura, afirma.
O Premio Blanco Amor de Novela Longa en lingua galega é convocado por 52 municipios das catro provincias de Galicia e cada ano un dos concellos encárgase de organizalo. A eNtrega do galardón desta edición do 2006 celebrarase na Casa das Palmeiras de Neda e a ella asisitrán, ademais do autor, o alcalde da vila coruñesa, Xosé-Carlos Pita López, e o director xeral de Editorial Galaxia, Vítor F. Freixanes.
Para sabermos máis sobre o autor, dicir que Francisco Castro é autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas. Ademais, traballa desde hai anos como cronista cultural en varios medios galegos.
FRANCISCO CASTRO - BIOGRAFÍA
Nacín en Vigo en 1966. Na actualidade traballo na xestión cultural e na comunicación. Son director, tamén, do Taller Literario Caixanova e do Taller de Poesía Caixanova. No ano 1991 publiquei Amor de cinema, ao que lle seguiron Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997), os libros de relatos A canción do náufrago (2001), Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2001) e a novela histórica Memorial do infortunio (2003), traducida no 2004 ao castelán. Polo de hoxe, os meus dous últimos libros son a novela Xeración perdida (2004) e o libro para mozos Un bosque cheo de faias (2004). No ano 1999 fun Premio de Xornalismo "Manuel Reimóndez Portela", no 2002 obtiven "O Facho" de poesía e en 2005 gañei o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, polo meu relato "Venres Desesperado (look casual friday)" e o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves polo meu traballo "Ningún fascista morreu inxustamente". Veño de recibir o Premio Blanco Amor de Novela (2006) pola novela "Spam". Este ano serei o coordenador dos Diálogos Literarios de Mariñán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario